O Concello de Santiago destinará neste 2025 á Cociña Económica unha achega de 70.000 euros, 10.000 euros máis que en anos anteriores. Así se recolle no convenio de colaboración asinado esta mañá pola concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, e o presidente da Cociña Económica, Manuel José Botana. O acordo ten como obxectivo garantir as necesidades básicas de manutención das personas sen recursos.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais explicou que o incremento da achega municipal “quere responder ao incremento no número de usuarias da Cociña Económica”. En 2024, nas súas instalacións servíronse 122.055 menús, 10.323 máis que no ano anterior, e contabilizáronse 640 usuarios e usuarias novas. Este aumento está relacionado coa maior chegada de persoas migrantes a Santiago, e de feito o 60% das usuarias foron de orixe estranxeira. María Rozas salientou que “este é o primeiro incremento da achega municipal á Cociña Económica nos últimos 10 anos, malia o incremento de prezos da cesta da compra, que tamén lle afecta á entidade á hora de preparar os menús”.

A tenenta de alcaldesa agradeceu o traballo que vén desenvolvendo a Cociña Económica, e moi especialmente nos últimos tempos desde a pandemia da COVID, porque foi naquel momento cando a demanda do servizo se incrementou de maneira exponencial. Tamén puxo en valor a súa colaboración, de maneira coordinada cos Servizos Sociais municipais, en relación á chegada de persoas refuxiadas a Santiago, unha vez que abandonaron o Monte do Gozo. Rozas salientou, neste sentido, que “neste mandato iniciamos tamén unha colaboración máis estreita das traballadoras sociais do Concello coa Cociña Económica”.

Pola súa parte, o presidente da Cociña Económica agradeceu o apoio do Concello “non só no económico, senón tamén no afectivo, e a especial sensibilidade demostrada con este incremento na achega municipal”. Manuel José Botana reivindicou o papel da Cociña Económica na atención ás persoas máis vulnerables “con independencia de quen sexan, de onde veñan, e cales sexan as súss crenzas relixiosas”.

A Cociña Económica, creada en 1891, ofrece servizo de comedor nos distintos turnos de almorzo, xantar e cea (nos sábados, domingos e festivos non se serven ceas pero sí se entregan alimentos para levar). Nos almorzos acoden á Cociña Económica unha media de entre 40 e 50 persoas diarias; nas comidas do mediodía son unhas 200 persoas, e nas ceas contabilízanse unha media de cen persoas diarias. A previsión da entidade é que neste ano 2025 se supere ese número de servizos.